top of page
COLECTIVO_1.jpg

O COLECTIVO

Colectivo Glovo nace en 2016 baixo a dirección de Esther Latorre (España) e Hugo Pereira (Portugal), xerando un espazo de creación onde ambos, como intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa.

 

Traballan na creación escénica tanto para teatros como para rúa e espazos non convencionais. Ademais do seu labor como creadores, tamén desempeñan un papel activo como xestores culturais, xa que un dos seus principais obxectivos como compañía é expandir o alcance das dinámicas do corpo na sociedade contemporánea.

 

Glovo expresa a súa paixón pola linguaxe do movemento e persegue a investigación de novas expresións escénicas, partindo do propio corpo sen límites establecidos. O seu traballo nutríse da experimentación, da fusión con outras disciplinas artísticas e da busca dunha comunicación xenuína co espectador.

 

A compañía percorreu diferentes países, incluíndo España, Portugal, Italia, México, Costa Rica e Corea do Sur. Formou parte do circuíto Red Acieloabierto en 2020 e 2023, Danza a Escena en 2021, 2023 e 2025, do catálogo de recomendación Programa.cat 2023 e 2025 de Cataluña, así como de PLATEA, RAEE – Rede Aragonesa de Espazos Escénicos, La Cultura Contraataca e diversas feiras de artes escénicas estatais. Ademais, recibiu varios apoios á creación por parte do Centro Coreográfico Galego e colabora coa firma de moda Adolfo Domínguez desde 2018 na creación de vestiario para as súuas producións.

 

A nosa aproximación a Portugal foi unha constante desde o inicio da compañía, a través de coproducións con outras compañías e institucións portuguesas, xiras no país e unha ampla rede de colaboración que ano tras ano segue medrando e consolidándose.

 

Colectivo Glovo foi galardoado con varios premios e recoñecementos, entre eles o 1.er Premio no Certame Coreográfico Internacional de Burgos & NY 2019, o Premio do Público no Certame Coreográfico Internacional Sólodos ENDANZA 2016, o Premio GATADANS e o Premio LAS NOCHES DEL PATRIMONIO no Certame DZM de Cáceres en 2022. Tamén recibiu o OFICIAL PRIZE CORPOMOBILE, o Premio Teatro Selvatico e o Premio The Loft Project no Certame de creación de CORPOMOBILE 2022 en Roma, así como mencións especiais no festival Corto In Danza 2019 en Cagliari e en La Espiral Contemporánea 2019 en Santander.

 

Paralelamente á súa faceta creativa, entre 2021 e 2023, Glovo codirixiu o festival Cartografía en Movemento e actualmente dirixe o programa de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando, ambos con sede en Lugo. Ademais, continúa a súa expansión internacional, consolidando a súa presenza en mercados e festivais de danza contemporánea, e explorando novas formas de difusión da danza no contexto actual.

bottom of page